No passado dia 14 de Fevereiro, Coimbra estreitou os laços entre Portugal e Galiza, através de um encontro de intérpretes dos dois lados do Minho, alguns dos quais expoentes máximos da música, como os portugueses JP Simões e José Mário Branco, e os galegos Miro Casabella e o O Leo I Arremecaghona. Um convívio de ilustres tornado possível pela Plataforma Coimbra-Galiza, que aconteceu no Teatro Gil Vicente. Os afectos foram muitos, sobretudo, os linguísticos. Aqui fica o relato feito por um companheiro da Sono-Tone - revista digital da actualidade cultural galega.
Cando a Plataforma Coimbra-Galiza decidiu organizar o concerto tiña ben claro que, ao redor do eixo flexíbel da canción de autor, debía estar representadas as dúas beiras do Miño e os dous momentos musicais que viviran e estaban a vivir. O equilibrio resultaba complicado, xa que se para José Mário Branco e Miro Casabella o concerto era o seu reencontro trinta anos despois da produción de Ti, Galiza, poucos lazos de unión parecía haber entre JP Simões e O Leo i Arremecághona!!!, alén de certas referencias e puntos de partida semellantes. O maior temor dos organizadores era precisamente que o público portugués non chegase a comprender as apostas escénicas dos galegos, ou que estes ficasen opacados polas dúas figuras locais (...)  Leo I Arremecaghona Como bo inicio, o teatro Gil Vicente, con capacidade para unhas 800 persoas, presentou unha entrada máis que aceptábel. O JP Simões, como anfitrión, iniciou a noite con varios temas de 1970, o seu primeiro traballo en solitario. Tímido na súa expresión de cara ao público, pero tamén confiado no seu terreo, serviu de introdución tranquila e pausada para o que xa se albiscaba como un longo espectáculo. Cunha guitarra que bebe directamente da bossa máis clásica, e un xeito de cantar marcado ocasionalmente tamén por ese ton de arrastrada indiferencia que os brasileiros remontan a Chet Baker, o ponto forte de Simões foi sen dúbida a sobriedade da execución e a brillantez dalgunha das súas letras, verdadeiro ponto de enganche coa canción de abril. Destacou especialmente a irónica A minha geração, que arrincou sorrisos entre o público, e tamén sonoros aplausos. O seguinte en sair, saudado calidamente por un público cada vez máis metido no concerto, foi o Miro Casabella. O inicio, coa interpretación de O meu país, puxo os cabelos de punta á media ducia de galegos que estabamos no teatro, aínda que o público local viuse se cadra menos atinxido sentimentalmente. Se un dos obxectivos declarados do concerto era afondar no coñecemento mútuo dos dous paises, Miro cumpriu o seu cometido á perfección, acompañando cada tema con pequenas introducións culturais. A primeira para aclarar que, apesar do título da canción, ese país aínda estaba por facer, as seguintes repasando a historia cultural galega e as súas ligazóns coa portuguesa. Sorprendeu aos que só o coñecíamos por gravacións o excepcional estado da súa voz e a forza da súa presenza escénica. Como curiosidade, o emprego da zanfona nos últimos temas e a interpretación dunha jarcha en mozárabe. José Mário Branco, sen dúbida o máis agardado da noite, foi o seguinte. Aclamado polo público, e cunha noción do espectáculo que sen dúbida marcou todo o desenvolvemento do acto, o Zé Mário brincou, recitou, explicou varias das cancións, felicitou á organización e dominou absolutamente o escenario, creando unha vía de comunicación coa xente sinxelamente especial e que tendeu moito cara á complicidade. Nesa liña, a súa interpretación foi máis virada cara ao emotivo, con pequenos momentos máxicos, como os sorrisos ao recoñecer certa melodía xa sabida na mítica De pé, ou o poema que leu como introdución a outro dos temas.  José Mário Branco + Miro Casabella + JP Simões + O Leo i Arremecághona Para os galegos a entrada do Leo supuxo un momento de nerviosismo. Un nunca acaba de ter claro o sentido da retranca dos demais, e ver a un tipo vestido de faralaes cantando Suspiros de kaña é unha experiencia chocante até para os propios, xa non falemos dos estraños. Hai que destacar o valor do noso cantautor punk, que puidendo cinguirse ao un rexistro máis acústico e tradicional, acometeu a súa performance máis eléctrica e (contra)canónica. As únicas variacións foron leves adaptacións ao galego de alén Miño que fixeran máis entendíbeis as letras. A ruptura do horizonte de expectativas funcionou unha vez máis e en canto os espectadores se recuperaron da sorpresa inicial o Leo tivo unha recepción impresionante e un entendemento cos lusos que poucos agardabamos. Cando me falan de España deuse a mao con Os bravos de José Afonso, recuperadas como versos populares a cappella, momentos antes dun apoteósico final con coito (ergo sum) coa guitarra incluído. No final, creando un novo momento deliciosamente anticlimático, os catro ases da noite reuníronse para despedirse por quendas cun tema máis. Guiados polo saber estar do José Mário, os catro xeitos de facer canción de autor dábanse a mao nunha demostración acústica. No entanto, nalgún lugar ao norte, a fronteira entre a Galiza e Portugal facíase aínda máis pequena.
Conteúdo Relacionado
Artenativa é um novo festival em Valga
Chega a V edição do Reperkusión em Allariz
Grupos galegos triunfam em Valga
O Leo Arremecaghona no Pinguim
|